Benvida ❤

Chámome Andreea, así, con dúas ‘e’ e un só apelido e son artista multidisciplinar. Nacín en 1998 en Romanía pero en 2005 emigrei coa miña familia. Chegamos a Arzúa, en Galiza, onde sigo vivindo actualmente. Aquí medrei, aquí estudei, aquí casei, aquí tiven unha filla, aquí sigo coidando e creando.
Sempre vivín no rural, alá e aquí. A natureza é moi importante para min e iso nótase en todo o que fago.
Non recordo cando empecei a debuxar porque levo toda a miña vida facéndoo. Si sei que xa antes de saber ler ou escribir, debuxar era a miña cousa favorita.
De pequena recibín uns anos clases de pintura de Rebeca Novo, coa que aprendín moitísimo. A partir de 2014 fun completamente autodidacta. Rematei os estudos obrigatorios e púxenme a traballar, e a pesar de que non tiña moito tempo libre nunca deixei de aprender e experimentar con novas técnicas. A arte e a natureza sempre foron para min piares fundamentais.
En 2020 quedei embarazada e chegou unha pandemia. En medio dese caos (e grazas ás redes sociais) tiven a oportunidade, a inmensa sorte e privilexio, de poder intentar “vivir” do que me gustaba. É dicir, de poder ter uns ingresos a partir de facer algo que me encanta. Nesas sigo.
Que podo ofrecer? Pezas orixinais, pezas únicas e ligadas ao rural, ás mulleres e á maternidade. Pezas tamén ligadas as miñas dúas terras. En resume, pezas que son anacos de min, da miña historia pasada, presente e futura. Pezas que non se quedarán só en láminas ou cadros, porque estou preparando cousas en téxtil, en arcilla polimérica, en madeira, … que fan que esperte cada día máis ilusionada. Ilusionada porque amo facer o que fago, porque de verdade creo no que fago, porque sei que teño moito que mellorar pero tamén que aprendo rápido e avanzo moito. Porque sei que teño moito que ofrecer e se quedas e me axudas a loitar polo meu soño, a seguir estudando, a seguir creando e a chegar a fin de mes estarei eternamente agradecida (e así o demostrarei a través dos agasallos e recompensas).

 

Por último fáltame falar da miña relación coa literatura, cos libros e a escritura. Namorei da lectura dende ben pequena e pasei gran parte da miña infancia e adolescencia nunha biblioteca, entre libros. A lectura foi e segue sendo un refuxio e un fogar que reconforta. É para min unha viaxe, outra vida e unha aprendizaxe. A escritura relacíonoa co meu mundo interior, coa intimidade. Porque é un exercicio, unha válvula de escape, unha ferramenta coa que poñer orde na miña cabeza e coa que coñecer mellor o mundo e a min mesma.

P.D: Sigo estudando, ademais de ser autodidacta e facer cursos continuamente, estou facendo o bacharelato artístico a distancia e seguirei estudando cando o acabe.
P.D.2: Cando falo da arte non falo só da arte plástica, falo tamén dos libros e da música, son tamén imprescindibles para min. 


Ata aquí! Se desexas coñecerme mellor, ver contido exclusivo cada día nas historias de instagram, saber antes que ninguén en que traballo e ter acceso a mínimo unha publicación privada mensual podes apoiarme dende 1,5€/mes a través da plataforma de mecenazgo de 
Patreon, compartir o que fago ou mercar algo na miña tenda. Tamén acepto encargos 🙂 

GRAZAS! Por todas as que levades aquí anos, apoiándome dende o principio e BENVIDAS as que chegan. Grazas de corazón por facerme a vida máis bonita, por estar aí e ser ese apoio imprescindíbel ❤

 

Podes ver e seguir todo o meu proceso a través de instagram. En silvatiica podes ver a parte artística e en andreea.birsanu podes ver máis sobre a miña inspiración, outras paixóns coma a escritura, a lectura, cultivar, … Tamén podes atoparme en Facebook e Twitter

Ou se queres contactar conmigo podes facelo a través das redes sociais, escribíndome a silvatiica[@]gmail.com ou completando o seguinte formulario. 

Responsable: Andreea Birsanu. Finalidade: xestionar, atender e respostar as solicitudes de información ou calquera comunicación feita a través deste formulario. Lexitimación: consentimento do usuario ao usar esta ferramenta. Destinatarios: os datos que me envías están almacenados nos servidores de Dinahosting. Derechos: podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Máis información: bótalle un vistado á miña política de privacidade.